Noticias e alertas

Propostas culturais do 1 ao 3 de decembro

28/11/2017

Propostas culturais do 1 ao 3 de decembro

VENRES 1 DE DECEMBRO

Sala Arcos Moldes do Auditorio de Rianxo - 21.00 h

CICLO DE NOVOS INTÉRPRETES: Cuarteto Scordatura

O próximo venres, 1 de decembro, ás 21.00 horas, a Sala Arcos Moldes do Auditorio de Rianxo acollerá un concerto pertencente ao Ciclo de Novos Intérpretes que se leva desenvolvendo dende o pasado mes de abril.

Nesta ocasión o concerto corre a cargo do Cuarteto Scordatura integrado pola rianxeira Patricia Túnez (violín I), e Iria Pérez (violín II), Miriam Buceta (viola) e Sandra Carballo (violonchelo).

SÁBADO 2 DE DECEMBRO

Salón de actos do Auditorio de Rianxo - 11.00 h

CHARLA-OBRADOIRO: Fálame moito e ben

O vindeiro sábado, 2 de decembro, haberá unha nova actividade formativa destinada ás familias con crianzas de 0 a 6 anos e a persoas coidadoras e docentes, incluída no programa Apego de dinamización lingüística da primeira infancia.

Co título Fálame moito e ben vaise desenvolver unha charla-obradoiro na que se falará da estimulación de bebés para a adquisición da linguaxe.

O obradoiro será desenvolvido pola psicóloga especialista en familia, Raquel Vello Varela, integrante do equipo Oikos (espazo de emocións, desenvolvemento e saúde). Incluirá diversos temas relacionados coa adquisición da linguaxe e pautas para a súa estimulación: cando e como estimular a fala das crianzas e como falarlles, a estimulación da linguaxe cando conviven dúas linguas, diferencias entre linguaxe falada e signada, fases da adquisición da linguaxe e identificación de atrasos da fala, e diversos recursos como xogos, cancións e materiais.

A actividade é de balde e desenvolverase o vindeiro sábado 2 de decembro, ás 11.00 h, no salón de actos do Auditorio de Rianxo, cunha duración estimada entre 90 e 120 minutos.

Para participar cómpre inscribirse no SNL do Concello de Rianxo (planta baixa do antigo xulgado), a través do correo electrónico normalizacion@concelloderianxo.gal ou nos teléfonos 664188084 ou 981860075, ata o 1 de decembro.

SÁBADO 2 DE DECEMBRO

Sala Arcos Moldes do Auditorio de Rianxo - 19.00 horas

TEATRO FAMILIAR: A nena que quería navegar a cargo de Redrum Teatro

O vindeiro sábado 2 de decembro, ás 19.00 horas, terá lugar na Sala Arcos Moldes do Auditorio de Rianxo a representación teatral A nena que quería navegar, a cargo de Redrum Teatro.

A Nena está farta de ser o centro das mofas dos seus compañeiros, e por iso foxe da escola coa intención de non volver nunca máis. Na súa aventura topará co Xeadeiro, un ser máxico e vital, que a base de contos, adiviñanzas, xogos e cancións, devolveralle a autoestima perdida.
Ensinaralle que dentro de cada un de nós agóchase un ser máxico, único e especial, e que só crendo nas nosas capacidades seremos quen de acadar todo o que nos propoñamos.

O espectáculo está destinado a público infantil, preferiblemente maior de 4 anos.

A entrada é de balde ata completar capacidade. Retirada de entradas, máximo 2 por persoa, unha hora antes do comezo da función.

A función está enmarcada dentro do programa Rede Cultural da Deputación da Coruña.

Segundo recolle a compañía no seu sitio web:

"A nena que quería navegar" é un espéctaculo familiar recomendado para rapaces e rapazas entre seis e doce anos. Nel tratamos o tema do acoso escolar, tamén coñecido co termo anglosaxón “bullying”.

A Nena é unha rapaza sen nome que farta de insultos, empurróns e illamento social, foxe da escola para non volver nunca máis. Traballar coa idea do reforzo positivo é unha das claves para previr o acoso escolar. Só un rapaz forte e cunha alta autoestima é quen de facer fronte ao acoso. Queremos que os nosos pequenos espectadores saian fortalecidos despois de asistir á representación de "A nena que quería navegar" e teñan ferramentas para previlo.

Este é un espectáculo optimista, colorista, emocionante, reflexivo e festivo no que mesturamos varias disciplinas artísticas como o teatro de monicreques, o de obxectos, as proxeccións e a música en directo.

DOMINGO 3 DE DECEMBRO

Sala Arcos Moldes do Auditorio de Rianxo - 19.00 horas

HOXE HAI REGUEIFA, o casamento de Balbina e Farruco a cargo da Asociación Fogo Fatuodifu

Hoxe hai regueifa, o casamento de Balbina e Farruco; recreación dunha voda rianxeira a cargo da Asociación Fogo Fatuo.

O vindeiro domingo 3 de decembro ás 19.00 horas na sala Arcos Moldes do Auditorio de Rianxo.

Entrada: 2 € en venda anticipada (en Acuarela) e 3 € na billeteira do Auditorio.

Fuente: Concello de Rianxo

Máis información

Cerrar [X]Uso de cookies

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y recopilar datos estadísticos sobre hábitos de navegación. El uso de cookies es necesario para la notificación de incidencias. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra Política de cookies